Labirinto de Breoghán Lecer verde para todos

O meirande labirinto da Península

No ano 2017 no concello de Vilarmaior (A Coruña) inaugúrase o Roteiro dos Petróglifos, dando así a coñecer a maior concentración de petróglifos de Galicia. Nesta contorna rural, afastado do estrés diario e xunto a este máxico lugar decidimos plantar as máis de 4.000 árbores que dan forma de cruz celta ao meirande labirinto da península (6120 m2). Tanto aqueles que gravaron os petróglifos como os nosos antepasados celtas desfrutaron desta terra máxica, agardamos que tamén vós o fagades cando veñades a visitarnos. A vida moderna afástanos da terra e dos seus ritmos, que seguen sendo os nosos. Camiñemos de volta ás orixes, a unha época onde a natureza nos mergullaba en todo o seu esplendor, afastados dos artificios hoxe presentes. Tornemos aos valores dos nosos antepasados: o amor pola terra, pola natureza, e o lecer xunto á familia e amizades.

Un lugar singular

O concepto de labirinto está claro: un intrincado lugar, de fácil acceso, e do que é difícil saír. O que non está tan claro é onde se realizou o primeiro, en que se baseou o seu inventor, que significado tiña para as sociedades primitivas e por que fascinou historicamente a exipcios, indios, budistas...

É difícil datar os labirintos máis antigos, porque case todos son petróglifos. Os petróglifos son representacións simbólicas gravadas en pedra que rexistran feitos ou mitos, poden ter forma de animais, figuras humanas, deseños circulares tallados á entrada de tumbas... En Galicia é ben coñecida a Pedra do Labirinto de Mogor ou a de Meis. Os petróglifos son unha presenza silenciosa que acrecenta ese aura de misterio que rodea a paisaxe galega. Do mesmo xeito que os petróglifos, tamén os labirintos teñen un compoñente místico. Estes representaban a viaxe da escuridade á luz ou a sabedoría secreta descuberta tras a superación dunha proba.

O significado primitivo máis probable do termo labirinto é o de ‘símbolo protector’. Unha das leis da maxia obriga a delimitar os espazos con signos protectores, como labirintos ou redes, etc., instrumentos necesarios para neutralizar aos malos espíritos, atopar comida, paralizar ao inimigo... O feito de que se achen tamén en moitas tumbas parece indicar que se trata de símbolos funerarios protectores, que acougan aos mortos e afastan aos intrusos. Ou de mapas do máis alá para guiar á alma.

Para os celtas, o labirinto significaba a aprendizaxe mediante a observación do mundo que nos rodea. Para eles os diferentes planetas movíanse en círculos e, segundo as súas deducións, a conformación do universo tiña forma de espiral celta.

De todos os signos celtas, o significado do labirinto encerra a creación, a sabedoría, os cambios de sorte, entre outros aspectos, porque está baseado nos xiros que fan os planetas e o cambio das estacións.

Algúns historiadores sitúan o labirinto máis famoso en Glastombury (sur de Inglaterra), rodeando o outeiro de Tor e identificando este como Ávalon, a lendaria illa da mitoloxía celta. E se falamos de mitoloxía celta non podemos deixar de nomear a Breoghán. O Leabhar Gábhala, libro das Invasións Irlandesas escrito por monxes irlandeses no século XII, recolle unha lenda que conta como o rei celta Breoghán funda a cidade de Brigantia (A Coruña), e constrúe a Torre de Breoghán, posiblemente precursora da Torre de Hércules.

Quen somos?

Novidades en Facebook

Ver Facebook

Bota un ollo as opinións doutros visitantes!

Síguenos en Instagram

Instagram

Pet friendly